Categorías
Foto de rúa e Urbana Lexislación

Lexislación na fotografía de rúa

Antes de saír facer fotografía de rúa deberiamos prantexarnos que é o que podemos facer e que non. Para elo convén coñecer ben a lexislación.

Un dos nosos maiores medos á hora de saír á rua a recoller momentos nos que interveñen persoas descoñecidas e que nos poden parecer máis ou menos íntimos é saber de certo se podemos estar infrinxindo algunha lei.

“Son coma un vaqueiro cunha bala e non cunha ametralladora na procura dese intre decisivo.”

Fan Ho

Fotografía callejera con ciclista bajando una calle empedrada y perseguido por un reflejo en ventanal. Fotografía: Anxo Dafonte
Teño publicado 
unha versión en español
desta opinión en
DESDE CÁMARA

Que nos di a Lei

A resposta a esta pregunta é relativamente sinxela: NON se pode fotografar a ningunha persoa sen o seu consentimento e moito menos cando descoñece que a estamos a retratar.

Dito isto, o mellor que podemos facer os fotógrafos de rúa é quedarmos na casa.

Non se pode fotografar ás persoas sen un consentimento.

Así parece a priori, pero imos matizar certos puntos que a pesar de non evitar incumprimentos da lexislación, deberiamos ter en conta para poder exercer o noso traballo de documentación gráfica. Se queres saber algo máis sobre esta disciplina, recoméndoche que comeces lendo a miña outra publicación sobre a fotografía de rúa.

De cando é a Lei e que nos conta

A Lei que regula o dereito á imaxe e ao honor é moi dura e, cada vez endurécese moito máis.

En España seguimos a rexermos por unha lei redactada no ano 1982 e que non contempla as novas tecnoloxías. Naqueles tempos non había ninguén todavía expoñendo as súas fotografías cos teléfonos móbiles.

Todo o que comento nesta publicación fará referencia á lexislación que coñezo, a española e, tanto no futuro coma pode acontecer xa noutros países, os artigos que mencione sobre ela, poderían variar notabelmente.

Antes de continuar, convén que coma lector, revises se non existen cambios na lexislación que poderían contradicir ou completar certas opinións expresadas nesta publicación. Recoméndoche que accedas ao que no BOE (Boletín Oficial del Estado, do Goberno de España) se publica ao respecto. Podes facelo directametne desde aquí; onde ademais, atoparás os textos orixinais e as súas actualizacións co paso do tempo.

Fotografía callejera con personas entrando a misa de las siete y un taxi en primer plano, la luz incide en el anciano de manera especial. Fotógrafo: Anxo Dafonte

Sobre a captación de imaxes

Resumindo bastante a lexislación, coma che dicía, basicamente non poderemos facer ningunha fotografía na que saia unha persoa sen ter antes o seu consentemento da mesma. O artigo 7.5, o máis polémico de todos e o que máis nos afecta coma fotógrafos, xa sexas afeccionado ou profesional, di que o mero acto de facer a fotografía xa infrinxe a lei, non importando en absoluto se nos atopamos nun espazo privado ou público.

“A captación, reprodución ou publicación por fotografía, filme, ou calquera outro procedemento, da imaxe dunha persoa en lugares ou intres da súa vida privada ou fóra deles, agás nos casos previstos no artigo oitavo, dous.”

BOE, Lei Orgánica 1/1982, de 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe. (Capítulo II, artigo sétimo, punto 5).

Cuestión de interpretación

Ante o artigo anterior, pouco se poderá facer, porén, a partir do punto oitavo váisenos aportando algo de esperanza ao falarnos de certas excepcións en situacións moi particulares.

Temos que aclarar, que de chegar a enfrentarmos a unha demanda, todo quedará finalmente a expensas da interpretación que faga o xuíz que instrúa o caso en particular.

Neste oitavo punto que se nos citan algúns supostos onde si se podería fotografar e, entre eles, escenas de interese histórico, cultural ou científico, ante os que poderiamos non estar infrinxindo ningunha ley e, quero insistir na palabra ‘poderiamos’ porque coma dicía, en último caso sería o xuíz quen decidise.

Atendendo ao que nos di exactamente o punto 8.2:

“Dous. En particular, o dereito á propia imaxe non impedirá:

a) A súa captación, reprodución o publicación por cualquiera medio cando se trate de persoas que exerzan un cargo público o unha profesión de notoriedade ou proxección pública e a imae se capte durante un acto público ou en lugares abertos ao público.

b) A utilización da caricatura de ditas persoas, de acordo co uso social.

c) A información gráfica sobre un suceso ou acaecimento público cando a imaxe dunha persoa determiñada apareza coma meramente accesoria.”

BOE, Lei Orgánica 1/1982, de 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe. (Capítulo II, artigo oitavo).

É neste artigo no que se están a basear os fotoxornalistas para poder facer o seu traballo. Se atendemos a este artigo, poderemos xa expoñer incluíndo persoas, sempre e cando sexan cargos ou personalidades públicas e cando nese intre fotografado sexa para informar ou documentar unha situación de interese xeral.

Poderemos ademais, chegar a fotografar nun acto público a xente anónima mentres non teñan un peso relevante na fotografía, é dicir, que non sexan os protagonistas. Isto é ao que se refire a lei no punto c) cando se fala de persoas meramente accesorias.

Resumindo. O que o fotógrafo de rúa debe facer é fotografía da rúa e non das persoas. En canto nos centremos nunha persoa, a convertemos no obxecto da fotografía e deixa de ser accesoria.

Fotografía callejera en blanco y negro con barrendero tomándose un descanso y bebiendo de una botella de agua en Santiago de Compostela. Fotógrafo: Anxo Dafonte

A decisión dos xuíces

Atopámonos ante unha tesitura moi complexa no caso de ter que chegar á sala dun xulgado xa que ese arbitrio pode levar a resultados tan sorprendentes coma inesperados.

Non vai ser doado que se poida facer unha valoración desde un punto de vista obxectivo e xusto.

Se a meirande parte das persoas que fotografían non se molestan pola súa formación… que lle imos esixir aos xuíces?

A persoa designada para elo debería ter certos coñecementos, sobre todo no que a arte e composición se refire, para poder entender os motivos que ao autor lle levaron a expoñer a fotografía cuestionada.

Para poder facer unha valoración correcta sobre unha obra fotográfica, a autoridade designada debería ter coñecementos e cultura fotográfica, de pintura, etc. e, por suposto, tamén os hai; non quero dicir con isto que ningún xuíz posúa estas capacidades. Pero non é esixíbel esta preparación e, na miña opinión, isto é algo que debería cambiar.

O consentimento expreso

Moitos fotógrafos de rúa están convencidos de que ao non existir na lexislación ningún punto no que se indique que o consentimento expreso deba ser dado tamén por escrito, coa ollada a cámara do suxeito entenden que existe un consentimento implícito.

Isto non é exactamente así. Teñámolo sempre en conta. Volvemos ao punto das interpretacións. Se tentas agarrarte a ese consentimento implícito nunha ollada, estaraste agarrando a un cravo ardendo, terás si ou si as de perder. Ningún xuíz che dará a razón.

A ollada podería ser un consentimento…

pero… non vitalicio.

A explicación é ben sinxela. Ao igual que acontece coa cesión dos dereitos de imaxe con persoas retratadas voluntariamente e, incluso con contratos asinados, calquera consentimento sobre o uso da imaxe dunha persoa é inmediatamente revocábel.

Polo tanto, calquera persoa que che dera consentimento, pódecho retirar cando se arrepinta delo e, ante isto non hai nada que facer. Chegarás ao xulgado e o xuíz dirache que non importa o consentimento que che dera no seu intre, sexa implícito ou explícito; no momento da vista xa non gozas delo. Por iso, aínda que sexa outra disciplina totalmente distinta, é recomendábel o uso de contratos para a realización de retratos, sen esquecerse de especificar cláusulas que contemplen a revocación dos permisos de imaxe e se chegado o caso, é aplicábel algún tipo de compensación… isto igual da para outra publicación, deixame nos comentarios se é do teu interese o tema das contratacións para animarme a traballar antes nelo.

Fotografía callejera y urbana con charco de agua, reflejo, escaparate de clínica dental y persona con paraguas. Dominante roja. Fotógrafo: Anxo Dafonte

Como debemos actuar na rúa

Na miña opinión e, coido que na da maioría dos fotógrafos de rúa pois así mo ensinaron e dese xeito o aprendín, debemos ser, ante todo, naturais.

Sendo completamente conscientes de que incumplimos leis, pero convencidos de que esas leis que nos estamos a saltar non están actualizadas e non van acorde cos tempos actuais.

O fotógrafo de rúa non é un delincuente, non está a facer nada malo… dicir o contrario é prexulgar.

Debemos meternos ben na cabeza que non estamos a facer dano a ninguén, pero para iso, debemos primeiramente marcarmos uns límites éticos baseados nuns mínimos de responsabilidade e, sobre todo, moita empatía.

Fotografía callejera y urbana en museo con vitrina y yuxtaposición por reflejo. Discos de vinilo y persona. Fotógrafo: Anxo Dafonte.

Fotografando a menores de idade

Por poñervos un exemplo, eu teño por costume non fotografar nunca en lugares onde abunden os menores de idade. As miñas liñas vermellas impídenme sequera aparecer cunha cámara nun parque infantil ou nun colexio, evitando deste xeito bastantes problemas.

Protexer aos menores de idade é unha prioridade… non hai escusas.

Se por algún motivo, se dera un día que atopase unha escena que si ou si coidase que pagaba a pena ser recollida nunha instantánea, solicitaría permiso dos tutores legais do menor que aparecese. Porén, iso produciría xa un efecto de coñecemento previo e perderíase a esencia da fotografía de rúa para entrar no terreo do retrato. Pero, en caso de ter que chegar a ese extremo, non esquezas que o consentimento por escrito debe estar asinado por todos e cada un dos tutores legais do menor.

Con todo, non esquezamos tampouco que o termo street photographer naceu para designar ao fotógrafos que facían retratos pola rúa. Hoxe xa non ten nin por asomo esa connotación, pero habelos aínda os hai.

Fotografía callejera con niña caminando pasando justo por delante de unos globos que se colocan en perspectiva para sustituir la cabeza. Fogógrafo: Anxo Dafonte

Situacións ridículas

Non procuro nunca nin busquei xamais imaxes que puideran deixar quedar a alguén en evidencia. A empatía cara os demais é absolutamente imprescindíbel nesta disciplina.

Cando retrato a rúa, retrátome a min mesmo.

A máxima é moi sinxela e coñecida por todos: Non fagas co resto da xente o que non che gustaría que che fixeran a ti. Por desgracia, esta máxima non é tida en conta por algúns personaxes que a cambio de moitos “gústame” nas redes sociais non dubidan en buscar precisamente iso, tentar ridiculizar amosando situacións comprometidas e en lugares onde as persoas son máis vulnerábeis e amósanse dun xeito distinto ao do seu día a día (praias e piscinas, por exemplo). Ese tipo de fotógrafos son os que crean mala fama e rexeitamento cara esta disciplina.

Fotografía callejera urbana en hora dorada, puesta de sol entre árboles y silueta de persona diminuta por perspectiva y arquitectura con Torres Hejduk, Cidade da Cultura, Galiza, España. Fotógrafo: Anxo Dafonte.

Cando che descubren fotografando

Se te pillasen facendo unha fotografía, volvemos ao mesmo: naturalidade. O que nunca falla é o sorriso, non perdas o sorriso ante ningunha situación ou palabra. Ten en conta que a persoa pode sentir invadida a súa intimidade e as súas primeiras verbas serán máis brusca do que mesmo ela quixera.

Estamos ante unha pandemia que nos obriga a levar mascarillas durante moito tempo e poderiamos pensar que o sorriso é máis complicado de amosar. Con todo, as persoas temos unha grande facilidade para sentir e interpretar xestos mínimos da faciana. Os ollos, por exemplo, falarán da túa actitude. O teu sorriso será capaz de traspasar o tecido e os filtros da túa mascarilla. É un arma tan potente que atravesa incluso aquelo que non fai un virus tan dañino e terrorífico.

Se cando fotografías na rúa o fas tranquilo e sorrinte, é probábel que nin se te arrimen. Porén, se perdes os nervos e actúas coma se estiveses a facer algo malo, de seguro que te van interrogar e que o farán coa mesma actitude e desconfianza que vexan en ti.

Encéndome cada vez que vexo fotografías de xente desfavorecida sen ningunha xustificación.

Se alguén se che achega a preguntar polo que fas, simplemente limítate a explicalo sen medo, non fas nada malo. Comenta a túa visión da imaxe, da escena. Amosa a foto, incluso antes de que cha pidan. Se aínda con esas che piden que a borres, non dubides que están no seu dereito, a eliminas e punto. Sen maiores complicacións. Non paga a pena e a outra persoa sempre terá a razón.

Ningunha fotografía que vaias borrar será irrepetíbel. Se non a fichexes ti, outro fotógrafo a fará. Partindo deste principio, pensas en serio que paga a pena chegar a un xulgado por elo? Xa terás a oportunidade algún día de expoñer unha escena semellante.

Fotografía callejera en blanco y negro con marine chileno, sol estrellado. Talcahuano, Chile. Fotógrafo: Anxo Dafonte

Cando alguén se molesta por unha publicación

Pode acontecer tamén que no intre da exposición ninguén che tivera dito nada e non che esixiran a eliminación da imaxe.

Moitas fotografías de rúa, a meirande parte delas, chegan a publicarse en bitácoras e redes sociais sen consentemento das persoas que aparecen nelas, é o habitual e o normal. Iso faría que se rompese o ritmo da túa sesión e chamaría demasiado a atención, tanto que o resto de personaxes xa te terían totalmente calado e localizado, veríante coma unha ameaza. Quen será esa persoa que vai por aí cunha cámara fotográfica e logo aínda ten a caradura de interromper aos transeúntes para contarlles algunha milonga?

Normalmente, a xente non se atopa en si mesma nunha imaxe, o máis habitual é que sexan outros os que lles avisen de que aparecen nela. Moitos sentirán orgullo e fachenda e gustaralles aparecer no teu porfolio (tamén dependendo de como sexa, e falamos de se o estilo sexa respectuoso ou burlón) e, de molestarse incluso en contactarte, que bonito sería agradecerllo mandándolles unha copia da súa fotografía! Quedar ben sae barato e trae moitos beneficios a posteriori.

Eu prefiro eliminar unha fotografía a pensar que alguén se sinte molesto ao identificarse nela. Eu procuro que a xente quixera aparecer nas miñas imaxes porque iso é o que ao final quedará de min.

O normal sería que cho comunicasen primeiro. Levar unha demanda deste tipo a un xulgado é costoso e igual que ti, o demandante no poderá saber con garantas o resultado do proceso. A túa mellor defensa será precisamente que non te tivera feito chegar as súas impresións. Probablemente che obriguen a eliminar a imaxe e todo quedará aí.

No caso de que alguen che diga que se sinte molesto coa imaxe, o máis razoábel sería eliminala de todos aqueles lugares onde tivera sido exposta. Unha vez feito iso, é probábel que xa non teña que demandarte, en cuxo caso, obrará ao teu favor o feito de ter retirado rapidamente a súa imaxe. Existirá pola túa banda unha clara intención de colaboración e acompañado dunhas desculpas que deberías ofrecer xa no seu momento xunto coa túa versión sobre a imaxe, é pouco probábel que a cousa vaia a máis.

Pero se che comunicaron e por cabezón queres seguir adiante coa imaxe… prepárate para o peor! As cantidade esixidas polos xulgados son moi importantes e, se o suposto é este, en parte o merecerías.

Fotografía callejera en blanco y negro con peregrinos haciendo el Camino de Santiago portando vieira y sombrero asiático que nos invita a pensar en el Camino de Kumano, otro de las grandes rutas de peregrinaje. Fotógrafo: Anxo Dafonte.

Conclusións

Legalmente non podes fotografar persoas na rúa, aínda que sexa nun espazo aberto e público.

Polo contrario, non estás a facer dano a ninguén. Non fas nada malo. Isto resulta moi paradoxal se o enfrontamos coas lexislacións. Prohíbesenos algo que non dana a ninguén.

Fotografía a rúa e, en consecuencia, xente na rúa tamén. Cando te centras na persoa, deixas de fotografar a rúa para entrar na modalidade do retrato. Haberá quen che fale entón dun xénero ao que denominan retrato de rúa, e que de feito, ten relación o comezo da street photography, pero tal como a entendemos hoxe, non distingo ese xénero co de retrato en exteriores.

Pero as leis están ben, deben ser así. Eu en ningún momento opino nin direi o contrario. O único que me molesta é esa hipocrisía que se amosa en ocasións, coma por exemplo, cando ergues un teléfono móbil e fas todas as fotos que che apeteza pero coma leves unha réflex de seguido che aparece unha autoridade para impedilo… e hoxe en día, os móbiles ofrecen calidades moi superiores a moitas cámaras compactas do mercado.

Se aínda sendo estritas, moitos fotógrafos rexistran imaxes de dudosa moralidade, non quero imaxinar o que sucedería se as cambiasen por outras máis permisivas e actualizadas aos tempos modernos.

Así que a pesar de todas estas restricións e complicacións, non perdas as gañas de saír a fotografar a rúa pois é un medio sumamente interesante e importante para documentar a vida no teu momento e, quen sabe? podería resultar moi útil no futuro.

Fotografia callejera con hombre empujando carretilla sobre superficie metálica de grúa. Fotógrafo: Anxo Dafonte

Grazas pola túa atención, agardo che poida servir de algo e te inspire esta miña opinión.

Saudos e abrazos, Anxo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable Anxo Dafonte.
  • Finalidad Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Cloudways.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.